A cara norte do corazón – Dolores Redondo

Recensión de A cara norte do corazón – Dolores Redondo

Esta novela é unha precuela da Triloxía do Baztán. A pesar diso, é conveniente lela despois da triloxía pois lembra cousas do pasado de Amaia que xa se desvelaron nas outras tres novelas e restarían interese a estas.

Nesta ocasión, Amaia está a facer un curso no FBI sobre perfís criminais destinado a policías da Europol. Unha das prácticas é estudar un caso real e que está a suceder nese momento. Así, Amaia vese implicada na procura dun asasino en serie que actúa sempre cando se produce unha catástrofe natural. Neste caso a catástrofe é o furacán Katrina e o escenario Nova Orleans.

A trama como tal, a procura dun asasino en serie, non é demasiado orixinal. O que si é orixinal é a motivación e o tipo de asasinato que leva a cabo. A historia é entretida e está moi ben contada. Quizais sobra, se non toda case, a parte sobre o pasado de Amaia que, desde o meu punto de vista, resulta demasiado extensa e interrompe bastante o desenvolvemento da historia principal.

A verdade é que mentres lía, acordábame constantemente da serie televisiva Mentes Criminais. Parecíame como un capítulo desa serie. E ollo! non estou a dicir nada negativo do libro, pois a min gustábame moito Mentes criminais. Polo menos ata a tempada 9.

En xeral, “A cara norte do corazón”, gustoume moito, a pesar de que se me fixo un pouco longa. Moi ben ambientada, bos personaxes (algúns moi typical FBI), e trama moi ben montada.

Recomendable.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *