Beleza vermella – Arantza Portabales

Recensión de Beleza vermella – Arantza Portabales

Deixando á parte o feito de que o crime lembra bastante a un real ocorrido non fai moito en Compostela, a novela está moi ben.

Deixando á parte tamén o feito de que a historia está chea de tópicos, a novela está moi ben.

Por exemplo, os personaxes. Creo que sen excepción, todos teñen detrás unha historia se non traumática, case.

Segundo me dixo unha persoa que coñece á autora persoalmente, os clichés son intencionados.

Gústanme as novelas cheas de clichés, mentres non sexan os do típico policía ex ou alcohólico, cunha vida que é un noxo e que converte nun noxo a súa experiencia profesional, con todos en contra. E tamén depende de como estean levados. Hai clichés e clichés e moitas formas de tratalos.

Este non é o caso. En Beleza vermella o protagonista policía ten o seu trauma, pero non molesta. A súa compañeira asignada na policía tamén o ten, pero tampouco molesta. En realidade todos os personaxes son típicos, as situacións son típicas, as motivacións son típicas, pero todo resulta moi interesante.

O que máis se sae da norma é a tía da defunta e principal sospeitosa do seu asasinato. Aínda que a irmá xemelga, nai da defunta, non queda moi atrás. E a vítima non era precisamente un anxo.

A investigación e o procedemento policial parécenme correctos. E non podo dicir moito máis sen amolar o final. Lin algunha recensión en que non concibían que a persoa responsable do asasinato fose quen é. Eu debo ser moi enrevesada porque si o concibín e acertei.

Como resumo direi que Beleza vermella me gustou moito e está moi ben escrita. Quedo á espera da seguinte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *