Porque non hai editoriais que traduzan ao galego ou publiquen en galego libros populares.

É unha verdadeira vergoña que non existan editoriais en Galicia que traduzan, xa non digo libros en xeral, senón novelas, contemporáneas e interesantes.

Xa non me meto en que haxa autores galegos que non escriben en galego, que están no seu dereito. Pero libros, e agora si xa vou ao máis concreto e que me interesa a min, e novelas como thrillers, policíacas, etc. nada de nada.

Que eu coñeza só Dolores Redondo está traducida ao galego e empezouse por Todo isto che darei, porque se desenvolve en Galicia. Despois foi A cara norte do corazón, que se desenvolve en Estados Unidos. Pero as tres primeiras, a triloxía do Baztán, que eu saiba non se traduciron.

En cambio, os autores galegos si se traducen ao castelán. Por que?. Pois porque temos bos autores e á xente non galega interésalle o que escriben. Sen ir máis lonxe poño algún exemplo de autores galegos traducidos: Domingo Villar por Siruela, Arantza Portabales por Lumen ou Pedro Feijoo por Ediciones B. Eeehh, editoriais!… aos galegos gústanos ler en galego.

Envexo os cataláns que teñen as edicións en catalán e castelán ao mesmo tempo e poden elixir en que len. Aquí iso é ciencia ficción. E non o entendo. As editoriais venderían moito máis se publicasen novelas actuais e dirixidas a un público amplo aínda que non as escriba un galego. E xa non pido que traduzan aos estranxeiros que se traducir do castelán é ciencia ficción, traducir do inglés, e xa non digo do francés ou do italiano, non sabería como cualificalo.

Eu empecei a ler este tipo de literatura, si, tamén é literatura, aos nove anos aproximadamente. Xa pasaron cincuenta e a situación é case igual de penosa que entón. O que pasa é que nos anos sesenta o de escribir en galego non estaba ben visto nin se podía. Pero agora, por favor!.

Se botades un ollo aos libros que teño nesta web (todos lidos), veredes que en castelán teño algo máis de mil (e falo só de novela do xénero), en inglés preto de cincocentos e en galego… 18. E un deles nin sequera é novela negra, pero téñoo aquí porque o escribiu meu pai.

Creo que con estas cifras está todo dito.

Ao mellor empezo a ler en catalán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *