A cara norte do corazón

4 / 5. Votos: 1
Sinopse de A cara norte do corazón
En A cara norte do corazón, en agosto de 2005, cando o furacán Katrina está a piques de devastar a cidade de Nova Orleáns, Amaia Salazar ten vinte e cinco anos e participa nun curso de intercambio para policías da Europol na Academia do FBI, nos Estados Unidos.
Inesperadamente, a subinspectora en prácticas pasa a formar parte do equipo de investigación dirixido por Aloisius Dupree. O equipo persegue a un asasino en serie cuxa estratexia é actuar sempre en escenarios asolados por grandes catástrofes.
Será entón cando Amaia Salazar, que con doce anos estivera perdida nos bosques do Val do Baztán durante dezaseis horas, comprenda os motivos polos que o seu propio pasado a converte na elixida.
A cara norte do corazón desvela incógnitas e descobre a xénese do vínculo entre Amaia Salazar e Aloisius Dupree, o misterioso especialista en comportamento criminal, ao tempo que nos transporta á infancia de Amaia en Elizondo. A escrita fascinante de Dolores Redondo volve conxelar o alento das lectoras e lectores nesta novela.
Sinopse de A cara norte do corazón tomada de Amazon
Recensión
Esta novela é unha precuela da Triloxía do Baztán. A pesar diso, é conveniente lela despois da triloxía pois lembra cousas do pasado de Amaia que xa se desvelaron nas outras tres novelas e restarían interese a estas.
Nesta ocasión, Amaia está a facer un curso no FBI sobre perfís criminais destinado a policías da Europol. Unha das prácticas é estudar un caso real e que está a suceder nese momento. Así, Amaia vese implicada na procura dun asasino en serie que actúa sempre cando se produce unha catástrofe natural. Neste caso a catástrofe é o furacán Katrina e o escenario Nova Orleans.
A trama como tal, a procura dun asasino en serie, non é demasiado orixinal. O que si é orixinal é a motivación e o tipo de asasinato que leva a cabo. A historia é entretida e está moi ben contada. Quizais sobra, se non toda case, a parte sobre o pasado de Amaia que, desde o meu punto de vista, resulta demasiado extensa e interrompe bastante o desenvolvemento da historia principal.
A verdade é que mentres lía, acordábame constantemente da serie televisiva Mentes Criminais. Parecíame como un capítulo desa serie. E ollo! non estou a dicir nada negativo do libro, pois a min gustábame moito Mentes criminais. Polo menos ata a tempada 9.
En xeral, “A cara norte do corazón”, gustoume moito, a pesar de que se me fixo un pouco longa. Moi ben ambientada, bos personaxes (algúns moi typical FBI), e trama moi ben montada.
Recomendable.
Serie: Amaia Salazar; 0
Editorial: Edicións Xerais
Ano: 2019
ISBN 9788491216292
Título orixinal: La cara norte del corazón
Idioma: Galego
Formato: Impreso
