O último barco
4.5 / 5. Votos: 4
Sinopse de O último barco
A filla do doutor Andrade vive nuna casa pintada de azul, nun lugar onde as praias de ondas mansas contrastan co balbordo da outra beira. Alí, as mariscadoras traballan na area, os mariñeiros guindan os aparellos á auga e os que van traballar á cidade agardan no peirao a chegada do barco que cruza cada media hora a ría de Vigo.
Unha mañá de outono, mentres a costa galega se recupera dos estragos dun temporal, o inspector Caldas recibe a visita dun home alarmado pola ausencia da súa filla, que non se presentou a unha comida familiar na fin de semana nin acudiu o luns a impartir a súa clase de cerámica na Escola de Artes e Oficios.
E aínda que nada pareza ter alterado a casa nin a vida de Mónica Andrade, Leo Caldas axiña comprobará que, na vida coma no mar, a máis apracible das superficies pode agochar un fondo escuro de devastadoras correntes.
Sinopse de O último barco, de Domingo Villar, tomada de Amazon
Recensión de O último barco – Domingo Villar
Non sei se pagou a pena agardar 10 anos pola terceira entrega de Leo Caldas. O caso é que a min gustoume moito.
Conseguín O último barco antes de tempo porque teño quen me proporcionou exemplares de promoción, tanto en galego como en castelán. Eu lin o libro en galego, aínda que lle faltaba a revisión final, e teño que dicir que o notei. Había algunhas incorreccións que, ás veces, cortaban o fluxo natural da lectura.
Imos ao que interesa.
A trama, moi boa, parte da desaparición da filla do doutor Andrade, e non se sabe que foi dela, se está morta ou fuxiu, ata ben entrada a historia. Caldas, partindo do suposto de que a muller está defunta, e non por propia vontade, atopa algúns sospeitosos. Pero ata case o final non imaxinas quen é o malo, por certas pistas que empezan a encaixar. E non hai que perder de vista o prólogo.
A narración non é que sexa en tempo real pero é moi polo miudo, e de aí ven, supoño, o número de páxinas.
Os personaxes moi bos, coma sempre, sobre todo o pai de Caldas, e o interese mantense ata o final.
Moi recomendable e a ver se a próxima non tarda tanto.
Os sitios do libro
Serie: Leo Caldas; 3
Editorial: Galaxia
Ano: 2019
ISBN 9788491513049
Idioma: Galego
Formato: Impreso